Monday 06 de May de 2024

O Club Kempo Barbanza celebrará este sábado na fieiteira unha gala solidaria a beneficio de Cruz Vermella de Riveira


“Un juguete = Un niño feliz” é o eslogan da iniciativa

Este sábado día 20 de decembro, o pavillón polideportivo da Fieiteira vai ser escenario dunha gala solidaria “Un juguete = Un niño feliz” que promove o Club Kempo Barbanza a beneficio de Cruz Vermella.

Para explicar os detalles do acontecemento, estiveron hoxe no Consistorio municipal Iván Parada e Miguel Pérez en representación do citado club riveirense e Ángeles Cores como presidenta local da organización benéfica. Estiveron acompañados de Juan Luis Martínez, responsable de Deportes do Concello, institución que colabora na iniciativa.

Doazón
A gala desenvolverase entre as 16 e as 20 horas e a fórmula para asistir consistirá na doazón dun xoguete, que será entregado a Cruz Vermella de Riveira. O programa da gala incluirá a realización de exhibicións de kempo, full contact, defensa persoal feminina, ademais de acrobacias (a cargo de Acroxim) e de zumba.

Iván Parada expresou o desexo de que esta sexa “a primeira de moitas” galas desta natureza a desenvolver polo club, en tanto que Ángeles Cores agradeceu a iniciativa e salientou que servirá para poder levar un xoguete a 140 nenos e nenas cos que a organización sole colaborar. Dende o club se matizou que os xoguetes non teñen por que ser orientados a idades infantís, senón que calquera será ben recibido, para poder facer felices aos rapaces de ata os 15 anos.

Pola súa parte, Juan Luis Martínez quixo lanzar una chamamento para que se sume a esta nova iniciativa solidaria.